Proxecto para a restauracón de camiños de acceso aos predios e a súa sinalización

O presente proxecto busca promover unha serie de melloras nos accesos aos predios dentro dos límites do Espazo da Rede Natura A Ramallosa, no concello de Baiona.

Para acadar estes obxectivos, procederase á mellora ambiental e da paisaxe de camiños de acceso a estes elementos, que consistirá na eliminación de herbáceas exóticas que ameazan os ecosistemas naturais e que teñen nos propios camiños a súa vía de entrada no medio natural e a eliminación de entullos; do mesmo xeito procederase á apertura e mellora dos camiños e vías de acceso aos predios xa sinalados, así como ás zonas comúns (praias) existentes neste espazo da Rede Natura. A intensa afluencia de visitantes ocasionais e turistas durante todo o ano a este espazo, fai que a incidencia sobre o medio sexa moito maior ca noutros do contorno. Cómpre lembrar que a vila de Baiona multiplica por dez a súa poboación en épocas do verán e estes camiños vense moi alterados pola masiva presenza de turistas. Xa que logo, tense comprobado cos técnicos municipiais as malas condicións en que se atopan os devanditos camiños de acceso (madeiras rotas, pasos fóra de sitio, elementos degradados, puntas sobresaíntes, sinais e paneis destrozados por actos vandálicos, etc.).

Aos traballos de rexeneración, mellora e acondicionamento dos camiños cómpre sumar a sinalización completa que comprenderá dende a restrición de usos, a información nos cruzamentos de camiños, así coma os sinais de perigo ou ceda o paso nos cruzamentos con estradas; e, finalmente, a función de recreo público que se baseará na instalación de paneis interpretativos dos ecosistemas e da importancia da Rede Natura, que se define ao longo de todo o espazo natural.

A continua afluencia de visitantes dende as praias de Baiona, especialmente en épocas estivais, incrementa o interese da Administración Pública Local pola instalación destas estruturas interpretativas que permitan incluír asemade unha serie de consellos e recomendacións (non tirar lixo, non molestar a fauna, non facer lume, non arrincar plantas, respectar as dunas, respectar os camiños sinalizados, etc.).

Cómpre destacar que os camiños indicados, ademais de unir diversos predios, serven de enlace entre a zona de Sabarís, moi concurrida nos días de feira, todos os luns, coa praia de Ladeira, a máis extensa e larga do municipio, cun perímetro que supera os tres quilómetros e que conserva parte da estrutura das dunas, que se están a recuperar. Precisamente para contribuír a ese proceso de recuperación, nos últimos anos vense de instalar sinalización específica para que os usuarios da praia sexan conscientes da importancia de conservar en bo estado este ecosistema. Ademais da praia de Ladeira, os camiños unen a vila de Baiona co cámping de primeira categoría que se localiza na frecha de area coa que se forma a marisma da Ramallosa. Nos períodos vacacionais (Semana Santa, e meses de xuño, xullo, agosto e setembro), o cámping está practicamente ocupado ao 100%, especialmente con turistas portugueses, franceses e ingleses, polo que o tránsito de persoas por estes camiños, estruturas de madeira e pontes é continuo. Por outra banda, no inverno tamén resulta un lugar de paso, non só pola feira de Sabarís, senón que é empregado polos propios veciños do concello e visitantes dos municipios próximos.

Coa fin de incrementar o respecto polo medio natural, a Concellería de Medio Ambiente de Baiona ven de instalar recentemente un depósito de algas que, previo aviso, pode ser empregado polas persoas que realizan actividades agrosilvícolas da zona para poder transportar ese fertilizante natural aos seus campos.

Búscase, xa que logo, coa realización deste proxecto fomentar o equilibrio entre as actividades agrosilvícolas tradicionais que se levan a cabo dentro dos límites deste espazo protexido, e a súa conservación para fomentar unha mellora na calidade de vida das persoas que o habitan, e asemade acadar de mellor forma un desenvolvemento rural sostible.

Actuación na anualidade 2013.

  • Afianzamento do vial e substitución de 250 travesas.
  • Limpeza e mellora do contorno do vial.
  • Eliminación de exóticas da duna.
  • Limpeza, eliminación de liques e tratamento para a conservación da madeira da Pontella Pequena.

 

Imaxe na que se observa o grao de colonización por criptógamas que supoñen unha aceleración para a degradación da estrutura.

 

Yucca, especie exótica que se ten adaptado á duna de Ladeira por proceder das dunas de Carolina do Norte e Florida.

 

Actuación na anualidade 2014.

  • Afianzamento do vial e substitución de 180 travesas.
  • Limpeza e mellora do contorno do vial.
  • Eliminación de exóticas da duna.
  • Limpeza, eliminación de liques e tratamento para a conservación da madeira da Pontella Grande.

 

A degradación de elementos estruturais da Pontella Grande supoñen un risco de seguridade a medio prazo.

 

Imaxe do estado da Pontella Grande onde se pode observar a rotura de travesas e o grao de colonización de liques e doutros fungos.

 

FINALIDADE DA ACTUACIÓN

A finalidade da actuación é preservar os hábitats e/ou ecosistemas presentes no espazo natural A Ramallosa, coa consecución dos seguintes obxectivos:

  1. Asegurar o mantemento en bo estado de conservación da biodiversidade do espazo natural A Ramallosa.
  2. Fomentar o equilibrio harmónico entre as actividades sociais e económicas que se levan a cabo en A Ramallosa.
  3. Mellorar a calidade de vida das persoas que desenvolven as súas actividades económicas e/ou de lecer no espazo natural A Ramallosa.
  4. Mellorar a paisaxe rural e tradicional deste espazo da Rede Natura 2000.
  5. Manter as condicións ambientais no mellor grao de conservación posible dentro dos límites propostos pola Rede Natura 2000.
  6. Conservar e restaurar elementos históricos patrimoniais e/ou culturais en A Ramallosa.
  7. Incrementar e mellorar as explotacións agrícolas no perímetro da Rede Natura 2000 en A Ramallosa.
  8. Fomentar o valor de recreo público e mellorar a información ambiental, así como o respecto aos principios da educación pola sostibilidade no ámbito da Rede Natura 2000 A Ramallosa.
  9. Mellorar o ambiente e o contorno rural no ámbito da Rede Natura A Ramallosa.
  10. Contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural no espazo de Rede Natura A Ramallosa.
  11. En todos aqueles traballos que se vaian realizar, seguir as disposicións do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia (2007-2013) segundo o que indica o FEADER para a promoción do desenvolvemento rural sustentable.

Con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica

fb.png